Un cine galego sen Galicia
- acolmeainterpretat

- 2 abr
- 4 min de lectura
Actualizado: 30 abr
Cristina Martínez Lorenzo
Santiago de Compostela - 20 MAR 2026
Para alimentar a miña cinefilia, navegaba como de costume entre revistas e seccións de cinema ata que topei co titular “Películas para enamorarse aún más de Galicia”: Mar Adentro, The Way, a Transilvania de Bram Stoker aplicada aos nosos bosques… Pese a que a revista era de viaxes, pronto me viu unha pregunta á cabeza. Existe un cinema galego, en galego, feito en Galicia e para Galicia?

Definir o cine galego non é tarefa fácil. Hai quen chama galega a calquera película rodada por un cineasta local independentemente de onde, e ao revés. Existe tamén unha visión máis purista: o cine galego coma un “quilómetro cero” audiovisual, rodado aquí, na nosa lingua, por xente da casa e con capital autonómico. Alén disto, son moi poucos os filmes, ficción ou non, que fan unha representación concienciada e fiel coa realidade galega, sen confundir identidade con idiosincrasia. Unha minoría aplastada por unha tendencia homoxeneizadora do cine que lle dá máis protagonismo a un entretemento banal e intrascendente como Me has robado el corazón, rodada en Galicia durante o Entroido.
A historia recente do noso audiovisual é unha montaña rusa de intencións e recortes. En 1999, o goberno de Manuel Fraga impulsou unha lei que consideraba o audiovisual “prioritario pola súa importancia cultural, social e económica”. En 2005, o bipartito de BNG e PSOE creou medidas para consolidar un sector que servese de referencia no estranxeiro e patrocinase a Galicia máis máis alá das súas fronteiras, sen esquecer a cuestión idiomática. Así nacían a Axencia Audiovisual Galega e o Novo Cinema Galego.
Porén, este crecemento cesou coa chegada do PP de Feijóo ao poder. Mentres que en 2007 o presuposto da Xunta para a industria audiovisual superaba o millón de euros, en 2013 quedaba reducido a 145.000 euros. Máis de dez anos despois o continuismo do Goberno Popular faise visible nos contidos da Televisión de Galicia e, tamén agora, na súa supostamente innovadora plataforma A Galega.gal. Un exemplo recente desta política de financiamento é Romería, o último filme de Carla Simón, subvencionado con máis de 300.000 euros da Xunta. Ambientada en Vigo, tendo en conta a realidade sociolingüística da cidade, podemos entender por que non hai nin unha palabra de galego no filme. Pero de verdade era necesario poñer aos personaxes a bailar unha muiñeira ou a cantar Pousa, Pousa con subtítulos ao castelán como “y no me toques aquella cosilla”?
Non se pode negar que a nosa comunidade é hipercinematográfica, óptima pola súa paisaxe e polas súas historias. E non se pode negar tampouco que a lingua galega só se emprega cando as subvencións obrigan. Zeitun films, principal responsable das películas máis relevantes do NCG, descríbese como produtora galega na versión en galego da súa web, pero como produtora española na versión inglesa e castelá.
Para entender qué se esixe dun cinema con identidade, cómpre poñer o foco nas obras que constrúen o país fronte ás que só o usan como decorado. Existen obras onde Galicia é un lugar ao que evocar e onde se escoita a voz real de quen a habita. Referentes como O que arde (Óliver Laxe, 2019) ou o cinema de Eloy Domínguez Serén son exemplos de como ser fiel á realidade sen caer no tópico. Clásicos como Sempre Xonxa e mesmo recentes como Matria ou Eroski Paraíso demostran que se pode facer arte sen renunciar ao noso.
Outras veces, como recolle Brais Romero en Idioma e Identidade no Novo Cinema Galego, a ollada é a dun “turista” que observa na distancia, como ocorre en Costa da Morte (Lois Patiño, 2013). Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010) non ten un vínculo temático ou lingüístico co territorio, só o DNI do director -ao igual que acontece agora con Sirat-. O caso d´As bestas (Rodrigo Sorogoyen, 2022) é o máis sintomático, sobre todo polo gran recoñecemento que obtivo este filme, que presume de estar rodada en galego, castelán e francés. Pero que personaxe é o único que fala galego? O inadaptado, o bruto. Emprégase a lingua nunha demonización do salvaxe, onde os únicos personaxes positivos a parte dos franceses son os que falan castelán. O idioma non se emprega para darlle voz ao país, senón para decorar aínda máis o seu estigma.
O Informe do Audiovisual en Galicia de 2023 expón que nos últimos dez anos o audiovisual galego medrou en ingresos e premios, pero a que prezo? Moitos defenderán que non se pode levar a idea de representación a todo, ou que o cine en galego e sobre Galicia non trascenderá as nosas fronteiras. Con todo, nunha comunidade infrarrepresentada e estigmatizada históricamente, cuxo idioma é xa lingua minoritaria, cómpre crear discursos que se correspondan coa nosa realidade de xeito case obrigatorio.
Moitas veces parece non haber reacción a esta situación, e tanto público xeral como estudosos aplauden calquera filme independentemente da cuestión da representación e da cantidade de diñeiro público autonómico investido. O proceso de afirmación dunha identidade cultural nacional que emerxeu nos últimos anos vése de novo pisada, desta vez no eido do cinema, sen ter presentes consignas tan importantes como a de Truffaut: “fai películas nas que te recoñezas”. Representemos a periferia, e fagámolo dende e coa propia periferia.



Comentarios