top of page

'Minerva non precisa tutelas'

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 24 abr
  • 4 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Pablo Añón Cousillas

Santiago de Compostela - 20 MAR 2026


Unha vez finalizadas as eleccións na USC, cómpre abrir un debate sobre se realmente un proceso no que só se presentaron profesoras é realmente un logro feminista.


A reitora electa da USC, Rosa Crujeiras, celebrando o triunfo electoral co seu equipo o pasado 11 de marzo na Facultade de Veterinaria | Martín Rei Leis (equipo de campaña de Crujeiras)
A reitora electa da USC, Rosa Crujeiras, celebrando o triunfo electoral co seu equipo o pasado 11 de marzo na Facultade de Veterinaria | Martín Rei Leis (equipo de campaña de Crujeiras)

Os humanos somos, en múltiples ocasións e non sempre querendo, hipócritas. O diagnóstico é preciso tanto para individuos particulares como para a sociedade no seu conxunto e, por consecuente, para as organizacións que a conforman. Nestes tempos, repetimos con entusiasmo unha idea de enorme relevancia: a igualdade. Invocámola en discursos, convertémola en titular e dámola por alcanzada en canto aparece unha fotografía que parece confirmala. Non obstante, esa igualdalde, como tantas outras palabras nobres, rara vez se somete a exame.


A recente vitoria de Rosa Crujeiras na segunda volta das eleccións á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela é un avance transcendental na igualdade entre homes e mulleres. A catedrática de Estatística e Investigación Operativa non só vén de rachar un teito de cristal na propia institución académica compostelá —ao converterse na primeira muller que liderará a USC nos seus 531 anos de historia—, senón que protagoniza en primeira persoa un progreso que reconfigura o imaxinario colectivo galego: por fin elas comezan a alcanzar os postos de máximo prestixio e responsabilidade do país que, ata este século, se lles negaban malia a súa valía.


Sentado o anterior, cómpre, con todo, abrir un debate sobre se realmente un proceso no que só se presentaron profesoras é realmente un logro feminista. Dende unha óptica simplista e conformista, podería selo. Pero verdade que o feito de que unha muller apareza, por exemplo, nunha película non garante que esta sexa automaticamente feminista? Pois tampouco confudamos a mera presenza de mulleres nos despachos centrais das institucións —algo que, nalgunha das múltiples interpretacións da palabra, poderiamos definir como mullerismo, condición imprescindible, non cabe dúbida, en calquera sistema democrático— coa consecución dunha igualdade real e efectiva. Porque esta, se quere ser algo máis ca un lema benintencionado, debe medirse tamén polos modos nos que se consegue.


Se botamos a vista nove meses atrás, cando os medios comezaban a facerse eco dos discretos movementos electorais que se sucedían no interior da academia compostelá, veremos que eran ata sete os nomes que entraban nas quinielas de aspirantes ao Reitorado. Ademais de Rosa Crujeiras, María José López Couso e Maite Flores, que xunto a Alba Nogueira acabarían conformando a listaxe definitiva de catro candidatas, soaban tamén os da decana de Educación, Mar Lorenzo, o de Filoloxía, Elías J. Feijó, o de Bioloxía, Jesús López, así como o do catedrático de Física Vicente Pérez Muñuzuri. Logo, a ausencia de candidatos homes non pode considerarse un elemento accesorio, senón central. A igualdade non consiste en garantir un determinado resultado, senón en asegurar que todas as persoas potencialmente candidatas poidan concorrer en condicións de liberdade e competencia real. Cando esa competencia desaparece —sexa por decisión propia, por contexto ou por hipotéticas presións informais que fontes da Universidade confirman que chegaron a darse—, o significado do logro vese inevitablemente matizado.


Convén, ademais, introducir un elemento de comparación que resulta especialmente revelador. As eleccións do 2010 foron as primeiras da historia da USC nas que se presentaron candidatas. Laura Sánchez Piñón, Pilar Bermejo e Mercedes Brea foron pioneiras ambicionando alcanzar o colexio de San Xerome. Ningunha delas conseguiu pasar á segunda volta nuns comicios nos que se enfrontaron a catro homes. Durante máis dunha década e media, ningunha outra catedrática dera ese paso. Ata agora. E é aquí onde xorde unha pregunta incómoda, pero necesaria: conseguiríase este mesmo resultado nunhas eleccións nas que tamén concorresen homes?


A cuestión non é menor. Porque a resposta —que, evidentamente, non podemos asegurar ao cen por cento— é precisamente o que impide considerar este feito como unha proba concluínte de que o teito de cristal foi definitivamente superado. O que mudou nesta ocasión non foi só o resultado, senón tamén as condicións. Dito doutro xeito máis claro: non sabemos se a barreira desapereceu ou se, simplemente, non chegou a estar presente neste caso.


Tense repetido en múltiples foros durante a precampaña e a campaña electoral que non se presentaran homes porque a Universidade entendera que era “a hora das mulleres”. A expresión é suxestiva e mesmo necesaria como indicativo dunha vontade de saldar esta débeda social logo de séculos de desigualdade. Mais tamén resulta hipócrita se se utiliza para dar por natural un proceso que, talvez, non o foi tanto. Presentar este resultado como un desenlace histórico inevitable contribúe a ocultar as dinámicas tutelares propias do patriarcado que o fixeron posible.


Non cabe dúbida de que a profesora Crujeiras conseguiu un fito fundamental que se lembrará sempre. O seu nome entrou xa merecidamente na nómina das mulleres contemporáneas que, como noutras partes do planeta, en Galicia seguen a dar pasos de xigante e lideran a consecución dunha paridade que vai máis alá do negro sobre branco, como aconteceu en maio de 2023 coa elección de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa da capital.


Celebralo é lexítimo. Pero a esa listaxe de datas históricas en Santiago e Lugo á que xa se incorporou o 11 de marzo do 2026 aínda lle falta unha: aquela na que Minerva —a deusa romana da sabiduría que preside o Paraninfo da primeira institución académica de Galicia e que, na vetusta tradición universitaria, acubilla a todos aqueles que se forman ou transmiten coñecemento dentro dos seus muros— impoña a honra de reitora a unha catedrática que venza nuns comicios a un colega home. Ese día poderemos celebrar a verdadeira igualdade.

Comentarios


bottom of page