top of page

Rir ou ferir: onde están os límites do humor cando se trata de enfermidades terminais?

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 4 abr
  • 3 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Iria Dopazo Piñeiro

Santiago de Compostela - 3 ABR 2026

O humor negro gañou protagonismo nunha comedia cada vez máis atrevida, onde temas como o das enfermidades terminais deixaron de ser tabú. Con todo, este avance abriu un debate necesario: é todo aceptable en nome da risa ou existen límites éticos que non deberían ser traspasados?


O cómico Juan Dávila nun dos seus shows. Foto cedida por Ayuntamiento de Almería.


O humor sobre enfermidades non é, en si mesmo, inaceptable nin debe ser automaticamente censurado. Ao contrario, pode chegar a ser de moita axuda e cumprir unha función humana. Desde sempre, unha das funcións do humor era o seu uso como ferramenta para afrontar a dor, a incerteza e mesmo a morte. En contextos médicos, non é estraño que doentes recorran a bromas sobre a súa propia situación como forma de recuperar certo control emocional. Negar ese espazo sería tamén negar unha forma de resiliencia.


Agora ben, isto non significa que todo estea permitido. O humor non é unha carta branca na que, por engadir a etiqueta de “humor negro”, todo quede xustificado. Se a persoa que debería rir non o fai, se quen está no centro da broma se sinte atacado ou ridiculizado, entón xa non estamos diante de humor, senón de burla. Hai unha liña moi fina entre facer rir e chegar a ferir, que en moitas ocasións leva a controversia.


Neste sentido, resulta clave distinguir entre rir con alguén e rirse de alguén. O primeiro pode ser un acto de complicidade e empatía, unha voluntade de comprender a situación de vulnerabilidade dunha persoa ou simplemente un intento de evadir durante un tempo á persoa de todos os seus problemas. O segundo, é unha forma de crueldade, de facer dano sabendóo. Ademáis, é preciso ter en conta que non é o mesmo o humor compartido por quen vive a enfermidade, que un humor feito dende fóra, sen esa experiencia nin sensibilidade pola situación. O problema, polo tanto, non reside no humor en sí, senón na súa dirección e intención.


O contexto tamén xoga un papel determinante. Nun espectáculo de comedia, o público adoita saber a qué se expón e acepta, en certa medida, ese tipo de discurso. Un exemplo claro é o do humorista Juan Dávila, coñecido polo seu estilo directo, improvisado e sen filtros. Nos seus espectáculos, interactúa co público e chega a tratar temas extremadamente sensibles, incluíndo enfermidades ou situacións persoais moi delicadas, cun ton que moitos cualifican de “basto”. Isto valeulle numerosas críticas. Con todo, el mesmo defende que existe unha diferenza clara entre humor e acoso: “una cosa es humor y otra ‘bullying’”. Asegura que o seu enfoque parte da inclusión, facendo partícipes ás persoas da broma e non converténdoas nun obxeto dela. Comenta incluso, que son os propios doentes os que lle piden subir ao escenario e facer humor da súa situación e ver así “un poco de luz en el pozo”.


Pola contra, cando ese mesmo contido aparece en redes sociais ou en espazos non previstos para iso, pode resultar violento ou completamente inapropiado. O lugar e o momento condicionan a recepción, e ignoralo é unha forma de irresponsabilidade.


Aínda así, non se pode obviar o risco existente de banalizar o sufrimento. Moita xente, de feito, aférrase a isto para xustificar o non ao humor negro. É verdade que as enfermidades terminais implican dor, perdas e procesos de duelo reais, tanto para quen as padece como para o seu entorno. Agora ben, rexeitar todo humor negro por este motivo simplifica en exceso a cuestión. As reaccións ao humor son moi subxectivas e persoais e; o que para alguén pode resultar doloroso, para outro pode ser alivio ou respiro ante a dor. O importante non é prohibir o humor, senón exercelo con responsabilidade, respecto e empatía, tendo en conta a intención, o contexto e, sobre todo, ás persoas afectadas.


Deste xeito, o humor pode explorar territorios incómodos, facer críticas sociais e mesmo aliviar a dor de quen a padece. Porén, esa liberdade implica tamén unha responsabilidade: non esquecer nunca ás persoas que están detrás de cada realidade.


Ao final, a verdadeira cuestión non é se nos podemos rir de todo, senón se somos capaces de facelo sen deixar de lado a empatía. Porque cando o humor perde esa conciencia, deixa de ser unha forma de liberación para converterse, simplemente, en ferida.


Comentarios


bottom of page