O colectivo artístico LUCET converte Compostela nun percorrido sentido
- acolmeainterpretat

- 23 abr
- 5 min de lectura
Actualizado: 30 abr
Sara Abalo Pérez
Santiago de Compostela - 20 MAR 2026
A exposición “Alma en Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía” invita a descubrir Santiago, dende o corazón da cidade. A casa do Cabildo, en Praterías recolle dende o 20 de marzo a colección de obras artísticas do colectivo LUCET.

Memoria, experiencia e vida urbana poderían ser algunhas das acepcións coas que describiría a exposición piloto do Proxecto Compostela, unha iniciativa que pretende amosar unha mirada plural e compartida do territorio compostelán. Para isto, o colectivo LUCET, formado por case unha decena de artistas, dos cales a meirande parte son mulleres, presenta unha proposta que mestura técnicas dende a acuarela e o óleo ata a fotografía. O obxectivo, tal e como eles describen, é amosar unha mirada plural dividida en: os espazos naturais, o tecido urbano e a presenza humana como eixo vertebrador.
En lugar de vitrinas pechadas ou espazos ténues con luces neutras que desnaturalizan o lugar, a exposición propón unha viaxe entre os lugares máis coñecidos ou recónditos da cidade, situados nun dos lugares máis emblemáticos: a Praza das Praterías. A praza que conforma o entorno catedralicio é unha das bases da exposición, pois numerosas obras coma Danzas en Praterías de María José Puente Vázquez representa vivamente ás tradicións a través da acuarela, un elemento decisivo á hora de realizar a mostra, pois non deixa de ser a pura alma de Compostela.
Confesarei que fun á exposición sen coñecer os artistas detrás das obras, despersonalizando o contido do creador. Botei unha ollada aos cadros e, sen percatarme, a miña curiosidade acrecentouse ao saber que a cidade dos estudantes e da peregrinación escondía máis do que nas portadas das revistas se nos presenta. Isto é o que conseguiron os autores da obra: espertar a curiosidade de centos de visitantes ao día. Falando cos responsables do consorcio, déronme un dato: “só este sábado acollimos a máis de 600 persoas e non sabes que bonito é ver que xente de tódolos lados admira a túa cidade e traballo”.

“Entrar nesta casa é como retroceder no tempo: cada recuncho conta unha historia. A cor do lugar acariña a alma, e o mobiliario e a decoración crean unha atmosfera cálida e acolledora. É algo coidadosamente conservado, un refuxio para os desesperados, que deixa unha pegada imborrable na alma, unha experiencia para revivir unha e outra vez” Tradución en galego
Atopei ese sentimento doce e conmovedor: como alguén que non coñece a nosa cultura nin entende o noso idioma pode desfrutar tanto do noso. Isto é o que consegue “Alma en Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía”. Da man do colectivo LUCET, a exposición comeza cunha obra cume, “Catedral coma Porta do Alén” de Ana Cancela; nela, a catedral preséntase coma un espazo limiar, entendida como un lugar de tránsito entre o visible e o invisible. A Catedral funciona coma un fío que guía a viaxe por Compostela e, por ende, pola exposición.
Ao paso polo primeiro piso da Casa do Cabildo, mergullámonos nunha viaxe fotográfica sentimental con Pai, fillo, nai (Salvador Galbán Dios), unha fotografía que garda unha historia trala pedra. Sabíades que esta obra esconde unha historia? Eu tampouco ata agora: existen máis de 200 taboleiros de xogos no casco histórico. Dende o comezo, con esta obra, vemos como se pretende poñer en contexto dende o propio lugar de exhibición.
A segunda fase, o percorrido urbano, sen dúbida, a máis traballada e elaborada ata o momento. Pese ó talento da fotografía, a acuarela toma a meirande parte da importancia da exposición. Máis de 20 pezas soamente adicadas á acuarela sobre papel de arches. Cores, vitalidade e historia asómanse entre as pinceladas, dende a dozura e a delicadeza da técnica ata a honestidade dun artista que sabe que quere transmitir un instante, unhas carcalladas, o simple camiñar na Rúa do Franco ou as tradicións máis emblemáticas. É o caso da obra de Francisco Herbella que nos Tiraboleiros (2025) amosa coma se opera o botafumeiro da Catedral.
É un feito que mirar pola fiestra foi unha distracción para min, mais realmente, iso non é o bonito? Poder observar a inspiración dende a propia obra, como quen di. Mirei unha vez máis pola ventá, mais tras subir un piso máis, os meus ollos xa non sabían cara onde poñer a súa atención.

Volvín ficar pola ventá e escoitei a unha gaiteira, a uns rapaces xogando ó futbol e a unha guía turística, e pensei que podía ser un acicate para a seguinte e derradeira fase da exposición: a presenza humana como eixo vertebrador. Pisei a primeira sala e unha ducia de cadros recubrían a parede grisácea. A peregrinaxe como fío condutor, podería dicirse máis ben, xa que arredor da metade das obras amosaban este elemento tan característico de Compostela: o camiño cara a cidade.
En xeral, as obras teñen un carácter alegre, laten na mesma sintonía. Porén, case rematando, concluín que, para min, faltaba por representar algo vital: o estudantado e a zona “nova”. Xa sabemos que o colectivo LUCET fica “team zona vella”, pero foi unha grata sorpresa ver, xusto antes de rematar, a obra fotográfica de Salvador Galbán da Cidade da Cultura e a obra “Rebulir na Praza Roxa” de María José Puente.
En definitiva, “Alma en Compostela” constrúe un percorrido sensible e coidado, capaz de transmitir a esencia máis recoñecible da nosa cidade. Porén, como toda mostra que aspira a representar un territorio vivo, queda a sensación de que esa mirada podería abrirse aínda máis a outras realidades, coma a cada vez máis crecente vida universitaria. Aí reside, quizais, a súa maior virtude e tamén a súa principal limitación: emociona e activa, deixando ao visitante con ganas de seguir explorando outras caras da moeda.
Con todo, paga a pena deixarse levar por esta viaxe artística que, con acertos evidentes, consegue conectar co público e espertar a curiosidade:
“Es una valentía de los gallegos” de Murcia.
“Hermoso y muy bien elegido el sitio” desde Argentina.
“Me ha encantado descubrir la ciudad” desde Madrid.
Un convite, en definitiva, a redescubrir Compostela dende o corazón. Se tedes proximamente pensado mergullarvos na cidade Xacobea, agardo que visitedes a exposición, aberta de martes a sábado na Casa do Cabildo, porque sen dúbida, eu voltarei máis cedo que tarde.
FICHA TÉCNICA
A Alma en Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía
Fecha: 20/03/2026 - 31/05/2026
Técnica: Fotografía, acuarela, pastel y óleo
Inauguración: 20 de marzo
Autoría: Colectivo artístico LUCET Rosario Puente Vázquez, María José Puente Vázquez, Melania Gómez Barral, Ana Cancela Muras, Julia San Martín del Barrio, María del Carmen Valverde, Francisco Hervella Rodríguez, Dolores Mato Gómez y el fotógrafo Salvador Galbán Dios.



Comentarios