top of page

Hamnet, te recordaré

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 1 may
  • 4 min de lectura

Actualizado: 4 may

Denise Alañón Cortizo

Santiago de Compostela. 1 MAY 2026

Fotograma sacado do filme Hamnet de Chloé Zhao
Fotograma sacado do filme Hamnet de Chloé Zhao

Hai historias que non cambian, pero si a maneira de sentilas. Hamnet é unha delas. Trátase dun mesmo relato que transita por distintas linguaxes — do teatro á novela e desta ao audiovisual— e que segue chegando ao público coma unha explosión de emocións, sen importar o formato. William Shakespeare escribe Hamlet a comezos do século XVII, unha traxedia que se adoita relacionar coa morte do seu fillo. Séculos despois, a novela de Maggie O´Farrell e a súa adaptación cinematográfica por Chloé Zhao. Ambas parten do mesmo feito — a perda dun fillo— pero percorren camiños expresivos distintos para chegar a un mesmo núcleo emocional. Nun caso, a dor constrúese a través da palabra, da introspección e da memoria fragmentada. No outro, todo exprésase a través da imaxe, dos silencios e da complicidade entre personaxes. Esta crítica propón analizar como ambas obras representan o sentimento de perda e como o cambio da linguaxe modifica a experiencia do espectador ou lector. 


Hamnet, ambiéntase na Inglaterra do século XVI e narra a historia dunha familia formada por Agnes e William Shakespeare, que viven xunto aos seus tres fillos— Susanna e os mellizos Judith e Hamnet— nun contexto marcado pola inestabilidade e as enfermidades da época. A historia céntrase na perda dun deles, Hamnet, durante unha das plagas, un acontecemento que rompe o equilibrio familiar e transforma profundamente a vida dos seus pais. Tanto a novela como a película evitan centrarse no suceso en sí para explorar máis afondo nas súas consecuencias. O interese da narrativa non está na morte mesma, senón, máis ben no baleiro de despois.


Maggie O´Farrel constrúe en Hamnet unha obra que se afasta das narracións tradicionais. Na súa obra non existe unha progresión lineal clara nin tampouco unha cronoloxía dos feitos. Pola contra, a historia avanza a através de fragmentos que se entrelazan, saltando entre o pasado e presente, entre historia e ficción. 


O estilo fragmentado que propón O´Farrel define a estrutura da obra e tamén o seu significado. O duelo non é lineal. O lector vese obrigado a reconstruír a historia do mesmo xeito que os personaxes protagonistas reconstrúen a súa vida coa sucesión dos feitos. Un deles a perda do pequeno Hamnet.

A linguaxe utilizada pola autora é profundamente sensorial e chea de detalles que apelan aos sentidos. Percibimos o tacto das teas, o cheiro das herbas, o son das árbores... Esta materialidade fai que todo o que se lee adquira unha dimnesión física e verosímil, coma se nós mesmos estivésemos presentes na paisaxe descrita. 


Un dos aspectos máis significativos da novela é a ausencia do nome de William Shakespeare. Trátase dunha decisión narrativa que consegue desprazar o foco dun personaxe mítico ou clásico cara unha dimensión máis humana. O escritor británico deixa de ser un icono para converterse nun pai ausente, nun marido distante e nunha persoa atravesada pola dor.

Neste sentido, a autora, rescata a un personaxe históricamente secundario e convérteo no centro da narración. Así, Agnes, a muller de Shakespeare pasa a ser o eixo principal da narrativa. A súa personalidade afástase do estereotipo da época: é unha muller complexa, prifundamente ligada á natureza, intuitiva e marcada pola dor que a transforma por completo, modificando a súa maneira de estar no mundo.

A adaptación de Chloé Zhao baséase neste relato de Maggie O´Farrel e afronta o reto de trasladar esta complexidade ao plano audiovisual. O resultado disto é un filme que non reproduce a novela tal cal, senón que a reinterpreta desde unha linguaxe e unha perspectiva propia. O filme aposta por unha narración lineal, o que facilita a comprensión da historia, pero, á súa vez tamén simplifica bastante a súa estrutura. Non obstante, esta elección permite centrar a atención na dimensión visual e emocional máis que nas diversas narrativas fragmentadas.


Zhao constrúe unha estética que se basa na contención. Os diálogos do filme son escasos e moitas das emocións son expresadas a través dos silencios, das miradas e dos xestos. A cámara caputra e detense nos detalles: unha habitación baleira, un bosque verde, a luz do mediodía. Todos estes elementos crean unha atmósfera acolledora, pero que fai que sintamos a ausencia. 

No que respecta á paisaxe, esta ten un papel fundamental. Non é soamente un fondo, senón unha extensión do estado emocional dos personaxes, sobre todo de Agnes. A actriz opta polo dramatismo, a naturalidade e a contención interpretativa. A dor non se exterioriza de maneira explosiva— agás nalguna escea— máis ben é algo que se sostén no tempo, que permanece connosco facéndonos partícipes dela.

A película trata de transformar a prosa de Maggie nunha experiencia sensorial. A dor non se explica nin se analiza: percíbese, séntese. O espectador non accede directamente aos pensamentos da xennte pero si que ten presente o seu estado emocional ao longo de toda a historia. 

HAMNET DE MAGGIE O´FARREL

Título: Hamnet

Autora: Maggie O´Farrel

Ano de publicación: 2020

Lingua orixinal: inglés

Xénero: novela histórica/ficción

Editorial: Tinder Press

HAMNET DE CHLOÉ ZHAO

Título: Hamnet

Dirección: Chloé Zhao

Guión: Chloé Zhao e Maggie O´Farrel

Ano de estrea: 2025

Lingua orixinal: inglés

Xénero: drama histórico


Comentarios


bottom of page