‘La grazia’: Sorrentino atrévese coa utopía do poder ponderado
- acolmeainterpretat

- 24 abr
- 4 min de lectura
Actualizado: 30 abr
Pablo Añón Cousillas
Santiago de Compostela -17 ABR 2026
Paolo Sorrentino regresa á súa mellor forma cunha meditación serena sobre o poder, a conciencia e o tempo.

Non houbo sorpresa no esencial. O director dos once filmes “correctos” nos seus vinte e cinco anos de carreira, Paolo Sorrentino, volveuno conseguir. A novidade está no matiz: nun cineasta tan vencellado ao barroquismo máis propio da ópera ou do teatro que da séptima arte, a revelación é aquí a mesura. Despois do que se pode considerar un leve tropezo con Parthenope —a súa anterior película, dedicada á súa cidade natal, acollida pola crítica internacional con notable frialdade—, La grazia é un regreso á forma. Non unha repetición, senón máis ben unha depuración. O filme inaugurou o Festival de Venecia do ano pasado e confirmou alí o que a crítica especializada xa intuía: que Sorrentino segue a ser a voz máis persoal e ambiciosa do cinema italiano contemporáneo.
O director napolitano presenta en La grazia a Mariano De Santis, presidente ficticio da República Italiana, como un home que carga co peso da xefatura do Estado cunha discreta elegancia de quen sabe que, no fondo, o poder é só tempo prestado. Veterano home de leis e autor dun manual de Dereito tan denso e inabarcable que os estudantes o bautizaron como “o K3”, De Santis é coñecido polos seus colaboradores baixo o alcume de “Formigón Armado”, dada a súa lentitude implacable na toma de decisións. A tan só seis meses de abandonar o Palacio do Quirinale, o democristián deberá enfrontarse a tres asuntos que removerán a súa conciencia: a sinatura que permitiría a promulgación dunha lei de eutanasia xa aprobada pola Cámara de Diputados e a concesión de dous indultos sobre casos moi mediáticos —o dunha muller que acabara coa vida do seu marido maltratador e o dun profesor que asasinara á súa esposa enferma de alzhéimer, á que aínda lle enviaba cartas de amor—. En paralelo, e isto é o que ocupa a súa cabeza a maior parte do tempo, sospeita que a súa muller falecida lle foi infiel catro décadas atrás e non atopa quen llo confirme.
Nun tempo nos que o populismo e a megalomanía caracterizan aos líderes mundiais, Sorrentino permítese o luxo utópico de imaxinar un máximo gobernante honesto, que non é nin un heroe nin un santo. É simplemente un ser humano que dubida (de feito, son varias as ocasións nas que se cita cun colega, o papa negro de Roma!, para pedirlle consello), le e escoita (ata ao seu coraceiro, a quen consulta durante os seus paseos vespertinos polas cubertas da súa residencia), e que considera que gobernar é un acto moral antes que un cálculo electoral. Mais que ninguén agarde atopar aquí un planfleto nin unha trincheira política, pois Sorrentino constrúe o relato dende o cotiá e o íntimo, dende o que é transversal máis alá das ideoloxías.
Toni Servillo, no seu séptimo papel dirixido polo de Nápoles, non en van Copa Volpi á mellor actuación masculina en Venecia, ofrece en La grazia unha interpretación de contención milimétrica que ben pode ser considerado un dos traballos máis maduros da súa xa ilustre traxectoria (co permiso do de Jep Gambardella en La grande bellezza). Despois de xa terse posto na pel dun excéntrico Berlusconi e do enigmático Andreotti, constrúe desta vez un servidor público atípico, infinitamente afastado do que o coñecemento medio da política italiana pode remitir nas nosas mentes. O actor pon nos xestos mínimos (un mero silencio, un mero desvío de ollada, un aceno de pracer mentres o presidente se obsesiona co rap combativo que triunfa entre a mocidade italiana) todo o peso do personaxe. A súa figura empequenece entre a arte milenaria e o mobiliario rexio do Quirinale sen que iso lle quite nin un gramo de presenza.
A fotografía de Daria D’Antonio transforma ese mesmo palacio, os seus corredores, patios e ata a súa sala ecuestre en espazos para a contemplación. As secuencias de maior impacto son as máis espectaculares e, á vez, as máis precisas: De Santis inmóbil mentres un ancián presidente portugués trata de avanzar cara a el pola alfombra vermella que o vento levanta baixo a choiva —unha estampa onírica da ridiculez e a fraxilidade do aparato oficial—, ou a escena na que asiste a unha performance de baile contemporáneo e se decata de que debe mirar o seu país dende outras ópticas que a súa tan experimentada. Certo é que, quizais, sexa preciso máis dun visionado para captar todo o que Sorrentino quere transmitir neses momentos en que descoloca.
La grazia é, ante todo, un filme sobre o a posesión do propio tempo. “A quen pertencen os nosos días?”, pregúntalle a súa filla e máxima confidente ao presidente cando este leva meses postergando as cruciais decisións polas que será lembrado o seu mandato. A resposta que o filme suxire —que son nosos, mais que case nunca o sabemos ata que é demasiado tarde— chega coa forza das cousas que non necesitan ser berradas para ser escoitadas. Hai que ter moito reflexionado e dubidado para chegar a ela.
Recoméndase o filme a quen aprecie o cine europeo de autor, a quen goce das películas que rexeiten a pasividade do espectador e devolven moito a cambio, e a quen teña sentido algunha vez que o tempo propio se esvara entre obrigas alleas. Non é un filme para aqueles que busquen acción, resolución rápida ou respostas cómodas. La grazia formula moitas preguntas (máis, de feito, das que as que aquí se expuxeron) e ten a honestidade de non respondelas todas. Sorrentino non sorprende porque invente algo novo, pois mirado doutro modo o que hai detrás das súas resolucións finais está o amor —á cidadanía, ao colectivo (isto é, o político), aos seus e ás xeracións ás que coa súa marcha deixará paso—. Sorprende porque demostra, unha vez máis, que coñece como poucos a diferenza entre facer ruído e dicir algo. A graza, ao final, é esa.



Comentarios