Crítica de Sorda: "Si á arte, á conexión, á tenrura e á empatía"
- acolmeainterpretat

- 24 abr
- 4 min de lectura
Actualizado: 30 abr
Cristina Martínez Lorenzo
Santiago de Compostela - 17ABR 2026
Unha delicada historia sobre unha muller sorda, Ángela, que se enfronta ao reto de ser nai e ao interrogante inicial de se a súa filla será oínte ou non. Será mellor que a nena escoite pero que perda un vínculo xenético coa nai, ou que non escoite e teña que desenvolverse nun mundo de per se hostil para os discapacitados?
Esta é a premisa que levou a Eva Libertad a dirixir Sorda, protagonizada pola súa irmá Miriam Garlo. Con esta longametraxe arrasou no Festival de Málaga e conseguiu o premio Goya a mellor dirección novel.

Fotograma da película. A Contracorriente Films.
Partindo do material biográfico da actriz protagonista, a ficción moldea a realidade para abordar un tema que non soe ser visibilizado no cinema. Eva Libertad, da mesma escola de directoras españolas como Carla Simón ou Alauda Ruíz de Azúa (cinema íntimo, cotián, con perspectiva de xénero), crea unha historia que conxuga técnica e sentimento para acadar un resultado inmellorable, dende unha coidada imaxe que fala por si soa ata interpretacións cargadas de emoción e vulnerabilidade.
Axuda á dixestión dun tema tan difícil unha narrativa pausada, que, sen chegar a ser tediosa, destaca nunha época na que o cine –ou o que algúns denominan hipercine– é un bombardeo constante e celérico de imaxes e estímulos moitas veces sen sentido algún. A través de acertadas elipses esta historia evoluciona con axilidade, encadeando diversas situacións incómodas e de conflito para Ángela que nos amosan que tan complicado pode chegar a ser todo para ela.
Ao longo da historia tres personaxes dialogan entre si, complementándose e contrapoñéndose para tentar ofrecer todas as aristas da situación. O complexo personaxe de Héctor, a parella si oínte de Ángela, levou ao actor Álvaro Cervantes a aprender lingua de signos durante un ano e, como todo esforzo ten recompensa, a gañar o merecidísimo Goya a mellor actor de reparto. El representa a figura comprensiva, de amor e apoio a través da que Ángela pode oír. De todas formas, tamén é humano e pode chegar a desesperarse. Sexa como for, a súa química coa brillantísima Miriam Garlo é o corazón deste filme.
Ángela é unha personificación de todas aquelas mulleres sordas que se atreven a ser nais, que se enfrontan día a día ao medo de non ser entendidas e, sobre todo, ao medo de que outros falen por elas. Garlo denominou a isto “violencia da invisibilidade” cando gañou o seu tamén merecido premio Goya a mellor actriz revelación, lembrando a gran importancia da arte, a conexión, a tenrura e a empatía entre os seres humanos. A súa antagonista, ademais da sociedade maioritariamente oínte, é a súa nai Elvira, interpretada por Elena Irureta. Ela é a que non comprende, a que se nega a aceptar e a que fará que a personaxe de Ángela dude de si mesma de xeito constante.
A interpretación de Miriam Garlo plasma todo o esforzo e dedicación detrás deste traballo. Polo xeral téndese a pensar que os discapacitados tan só fan deles mesmos en pantalla, pero Garlo crea unha personaxe a partir da súa experiencia como persoa sorda e engade capas de complexidade que transmiten de forma profunda e sincera a través dos seus ollos (órgano verdadeiramente potente para as persoas sordas) e das súas expresivas e valientes mans. Situacións do máis cotiás como unha comida con amigos oíntes poden convertirse nun desafío, ao igual que aquelas máis relevantes como dar a luz sen saber que é o que che están dicindo os médicos.
Porén, a interpretación de Garlo non se entende sen o tratamento sonoro. Grazas a este somos aínda máis capaces de meternos na pel –nos oídos- de Ángela. Ao igual que ela, non podemos oír e sentimos as molestias do son distorsionado dos audífonos. Mediante este impacto dámonos de conta do verdadeiro esforzo que ten que facer Ángela para entender e ser entendida.
O momento máis crítico e desgarrador do filme transcurre todo sen son, tratado dunha forma sublime e acompañado con imaxes de igual calidade que nos amosan á protagonista nadando, literalmente, coa auga ao pescozo.
Esta sensación vése reforzada coa escolla de planos subxectivos e cámara en man, dándolle a oportunidade ao espectador de sentir coa protagonista, de ver o que ela ve e axitarse cando ela se axita. Todo isto acompañado en cada plano dunha fermosísima dirección de fotografía e dunha máis que coidada posta en escena, aínda que moitas veces limitada a non usar primeiros planos para poder mostrar aos personaxes signar.
Sorda é unha película máis que necesaria que nos abre os ollos sobre a importancia da inclusión e da linguaxe de signos, esa que tan poucas veces está presente nas nosas fáciles vidas de oíntes e que non custaría nada aprender dende nenos. Porque nunca sabemos cando nos imos atopar cunha Ángela que necesite da nosa axuda.
A veces fai dano, araña, e outras emociona: un exercico de reflexión que recorda o poder do cinema como espazo para reivindicar, visibilizar e tomar conciencia dos demais e de nós mesmos. Esta historia que retrata dende o respecto e con profundo cariño recórdanos tamén que todos temos unha mesma linguaxe, a da comprensión. Sorda está chea de silencio, pero non deixa de dicir cousas. Quizais este silencio sexa o necesario para aprender a escoitar e a dar voz. E quizais con pezas coma esta ir ao cine non sexa só lecer, senón un acto de empatía necesario.
Ficha Técnica
Título orixinal: Sorda.
Dirección: Eva Libertad.
Reparto: Miriam Garlo, Álvaro Cervantes.
Ano: 2025.
Duración: 99 min.
País: España.



Comentarios