top of page

Cantos días para esquecer a un familiar?

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 1 abr
  • 3 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Catuxa Rodríguez Folgar

Santiago de Compostela - 20 MAR 2026


Fonte: PngFree
Fonte: PngFree

A filla de Manuela, auxiliar de enfermería de 51 anos, faleceu un luns 2 de marzo. O venres, Manuela xa tivo que ir traballar. O actual permiso por falecemento dun familiar permite, segundo o grado de consanguidade, entre 2 e 4 días de ausencia laboral, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, propuxo facer un cambio nisto. Hai escasos 3 meses que saltou a polémica no Congreso dos Deputados, pois a vicepresidenta do Goberno plantexou a ampliación deste permiso a 10 días.  Dende entón, o que se convertiría nun pequeno atisbo de luz dentro da escuridade da morte, está sendo eclipsado por burocracia e discusión. Pero, como darlle a unha nai dous días para esquecer a sua filla?

 

Un informe publicado polo grupo hospitalario QuirónSalud di que “segundo os expertos, un loito dura normalmente entre 6 meses e un ano”. A pesar de demostrar oficialmente que os dous días que nos ofrecen polo de agora son escasos, segue perpetuando o mandato de canto tempo se necesita para superar unha morte. Cando se sofre unha perda repentina, o doente necesita tempo para procesar o ocorrido, e iso pode levar semanas, meses, anos ou días. Sexa canto sexa, que a lexislación actual permita dous días semella case cómico.


Existe unha expresión que se adoita acuñar para, canto menos, tentar definir o que unha defunción supón internamente: shock psicolóxico. Perder a un ser querido produce unha sensación moi estrana, con matices de irrealidade, tristura, escuridade... E todos van e veñen, constantemente, sen parar. Poden permanecer moito ou pouco tempo, pero o que está claro é que non existe un tempo concreto para pasar un loito, e é inhumano que pretendan  facernos pensar que si.

 

Mentres tanto, o proceso do tanatorio ao traballo recolle exactamente 48 horas. 48 horas para procesar o feito, asimilar e levar a cabo a burocracia, atender ás visitas, aceptar as condolencias e, se cadra, prepararte para volver a realizar o teu traballo como até o de agora. Pero desta vez, sen filla, ou sen pai, ou sen irmán. A realidade é que, segundo os expertos, neses dous días non estás realmente asimilando o loito: estás organizando o funeral e comezando o papelame. Que non é pouco.


Ninguén está preparado para ir traballar dous, catro días despois de perder a un familiar próximo, ou polo menos non para facer o seu traballo de forma óptima. E iso fainos cuestionar o sistema laboral do noso país. Prefírense traballadores alienados, en shock, inválidos pero presentes, antes que uns con saúde mental, sans e óptimos para facer as labores. A ampliación do permiso a dez días consolídase cada vez máis como imperativa, non tanto para superar a perda, porque iso é imposible, senón para, polo menos, poder asimilar que a vida segue. Que ti segues. Que o mundo segue. E dous días non chegan.

 

A maioría de xente está de acordo con esta medida e compróbase con enquisas de rúa feitas pola cadena SER. Javier di que “con lo que está estipulado no da tiempo a un duelo realmente, fundamentalmente por el dolor que puede sentir una persona. Al trabajo no se vuelve igual, en mi propia piel lo he vivido: no se vuelve para nada igual, estás como en shock, no te enteras muy bien de nada, es difícil todo”. Non obstante, tamén hai outra que discrepa, e, polo que sexa, a súa renta anual supera os da clase media habitual, pero ese é outro tema.


Escóitase que esta medida é descabezada, que cando alguén morre, un non se debe quedar na casa, que só o fai peor. “Eu preferiría ir traballar”, dicía Anxo, Garda Civil. A esa xente diríalle que o feito de que estes días estean permitidos, non significa que se teñan que coller por obriga. Precisamente propóñense para aqueles que si que os necesitan, para os que non prefiren ir traballar. Para os que non poden. Son dez días permitidos para xestionalos ao xeito preferible, non para quedar na casa. Si para ir ao psicólogo, para mentalizarse da catástrofe, para xestionar o preciso. Non para quedar na casa. E se alguén o que necesita é facelo, que así sexa, porque dicirlle a alguén como debe pasar o loito é desapiadado.

 

Esta é unha medida que quedou, ao inglés, en stand by. Polo de agora non hai novedades, e non se sabe se as haberá. O que está claro é, e insisto, que dous días non chegan para esquecer a un familiar. A medida proposta por Yolanda Díaz é necesaria, xa non só para progresar como sociedade, senón para demostrar que a saúde mental importa, e non só para un eslogan.


Comentarios


bottom of page