top of page

A arte de construir iconos: Annie Leibovitz transforma o MOP en “Wonderland”

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 3 may
  • 3 min de lectura

Iria Dopazo Piñeiro

A Coruña - 17 ABR 2026


Non todas as fotografías serven simplemente para mirar: algunhas constrúense, interprétanse e, sobre todo, permanecen. Iso é o que propón a exposición de Annie Leibovitz no MOP Fundación Marta Ortega Pérez. Baixo o título Wonderland, a mostra ofrece moito máis ca un percorrido pola súa carreira: é unha reflexión visual sobre como se crean as iconas da cultura contemporánea.


Entrada da exposición
Entrada da exposición

O primeiro contacto coa exposición, en penumbra e envolto por pantallas de gran formato que enchen de imaxes as catro paredes; xera unha sensación inicial de saturación controlada. A abundancia de información audiovisual non desborda, senón que acolle e dirixe a atención do espectador cara a unha narrativa xa definida.


Esta introdución inmersiva funciona como prólogo dunha exposición que se articula a través de testemuños e fragmentos biográficos que contextualizan a práctica da fotógrafa. Entre eles destaca a reflexión do deseñador Tom Ford, quen subliña a capacidade de Leibovitz para captar a esencia do retratado e amplificala visualmente, converténdoa nunha versión idealizada da súa propia identidade. Esta idea atravesa toda a mostra e funciona como clave interpretativa do conxunto


O percorrido estrutúrase en catro salas que sintetizan a evolución da autora, desde o fotoxornalismo inicial ata a consolidación dun estilo marcadamente escenográfico


Fotografías da exposición
Fotografías da exposición

Na primeira etapa, correspondente á súa vinculación con Rolling Stone, predominan imaxes de carácter documental, nas que se aprecia unha proximidade ao acontecemento e unha aparente espontaneidade. Porén, xa nestas primeiras obras pode intuírse unha mirada con forte sensibilidade estética, que transcende a mera captación do real.


O tránsito á etapa de Vanity Fair supón un cambio decisivo cara á construción consciente da imaxe. O retrato deixa de ser rexistro para converterse en escenificación. Destacar especialmente a fotografía de Kim Kardashian, Kanye West e North West, na que o uso de espellos e a composición fragmentada introducen unha lectura múltiple da identidade, reforzando a idea de imaxe como construción. Persoalmente, foi unha fotografía que me mantivo varios minutos olleando para ela.


Fotografías Vanity Fair
Fotografías Vanity Fair

Nesta mesma liña, os retratos de Karl Lagerfeld e Anna Wintour exemplifican a capacidade da fotógrafa para condensar en termos visuais universos persoais e profesionais. No primeiro, a presenza do famoso gato do artista e a composición reforzan a dimensión simbólica da figura; no segundo, a elegancia formal e a seriedade consolidan unha imaxe de autoridade e control.


Fotografía Karl Lagerfeld
Fotografía Karl Lagerfeld

Para min, un dos puntos de maior impacto da exposición é a fotografía dos Reis de España, presentada a gran formato. A súa contemplación detida pon de relevo o nivel de elaboración técnica e conceptual da imaxe, que chegou incluso a xerar debate público sobre a súa posible orixe mediante intelixencia artificial. Máis alá da controversia, a obra evidencia o dominio da escenografía fotográfica como ferramenta de representación institucional.


Fotografía Reis de España
Fotografía Reis de España

O fluxo de visitantes e a presenza de visitas guiadas confirman o carácter masivo da proposta. A experiencia complétase cun material de apoio á entrada, que inclúe un póster dunha fotografía de Penélope Cruz acompañado de explicacións conceptuais básicas, o que facilita unha aproximación informada ao discurso expositivo.


En conxunto, Wonderland preséntase como unha exposición accesible e eficaz na súa formulación, aínda que en determinados momentos a reiteración de imaxes amplamente coñecidas reduce o efecto de descubrimento. A mostra confirma, con todo, o papel de Leibovitz como unha das grandes construtoras da imaxe contemporánea, capaz de transformar figuras reais en iconas culturais a través dunha posta en escena meticulosamente controlada.

 
 
 

Comentarios


bottom of page