top of page

Vilanova de Arousa “xulga” ao Momo Maduro ante 30.000 persoas

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 24 abr
  • 4 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Pablo Añón Cousillas

Vilanova de Arousa - 22 FEB 2026


A auga deu unha tregua no primeiro fin de semana seco do que vai de ano e respectou o acto máis agardado do Entroido para moitos na comarca do Salnés. Case dous milleiros de persoas desfilaron na última celebración en Arousa previa á Cuaresma.


A carroza principal do desfile, co Momo simulando ao expresidente chavista, pechando a comitiva no seu paso pola avenida González Besada
A carroza principal do desfile, co Momo simulando ao expresidente chavista, pechando a comitiva no seu paso pola avenida González Besada

Están a situación meteorolóxica, discutir sobre se o Celta fará méritos para facerse con postos de clasificación a Europa ou a situación política a nivel internacional como temas preferentes nos faladoiros de barra de bar en Arousa dende que comezou o ano, pero esta fin de semana en Vilanova non había conversa que non se enfocase en tratar de dilucidar que personaxe sería o paseado polas rúas da localidade como Momo deste 2026. “O deste ano será incinerado porque o merece”, asegurara o alcalde popular Gonzalo Durán durante a presentación do desfile a inicios da semana. Malia a falta de consenso, todas as quinielas apuntaban, dende entón, ás balizas de presinalización V16, ao presidente estadounidense, Donald Trump, ou ao ―ata hai unhas semanas― homólogo deste en Venezuela, Nicolás Maduro.


O segredo desvelouse finalmente este domingo uns minutos máis tarde do que estaba previsto. Ás 17.00, hora prevista para o inicio do desfile, aínda estaban colocándose no seu posto na zona do Esteiro as últimas comparsas e carrozas. Cando comezaron a desfilar a iso das 17.25 horas, xa non había grupo de WhatsApp de familiares, amigos ou compañeiros no que non circulase algunha fotografía ou vídeo do boneco que representaba ao expresidente venezolano vestido cun uniforme laranxa de presidiario e esposado ás rexas dunha cela na “Penitenciaría de Aguantamono“.


Malia que nunha sociedade permeada polos dispositivos móbiles sexa case imposible conservar a grande sorpresa da tarde, as ganas de desfrutar desta tradición que vén de cumprir catro décadas, pero que gañou impacto na última, mantivéronse intactas nos case tres quilómetros de circuíto urbano que fixeron impracticable o uso de vehículos ata practicamente as 20.30 horas nas rúas do núcleo urbano. De feito, os atascos nas entradas á localidade que se sucederon ao longo da mañá e o mediodía repetíronse ao final da xornada en sentido saída. Non en van, segundo fontes municipais, o número de asistentes ao desfile triplicou ao dos 10.000 habitantes censados, o que dá boa conta do tirón desta festa noutros concellos da comarca. Superouse amplamente tamén a media de asistencia de edicións pasadas, que viña roldando as 20.000 persoas.


A diferenza do que acontecera en anos anteriores, a choiva non fixo acto de presenza en toda a tarde. A presenza dun tímido sol que practicamente nula presenza tivo no que vai de ano en Galicia alentou non só ao público, senón tamén aos 1.800 integrantes da comitiva. O percorrido pola avenida González Besada foi unha absoluta festa e, sen dúbida, onde máis luciron os traxes e as performances das máis de corenta agrupacións participantes. A anchura e lonxitude da estrada permitiron a tolemia dalgunhas das comparsas, que non dubidaron en rachar co protocolo e ralentizar o desfile para deterse a entregar en man caramelos aos máis pequenos ou permitirlles facerse con algún elemento das súas vestimentas.


Esta dispersión provocou unha certa desorde nalgúns momentos no que a distancia entre uns e outros grupos era moi evidente. Con todo, o espírito entroideiro fixo que foran poucos os que se impacientaran co ritmo irregular da comitiva. Daba tempo así para comentar os disfraces que portaban, case unicamente, os máis pequenos do público.


Onde a idade si que non é impedimento para a subversión é nas comparsas máis experimentadas, como a Ciklón, que inclúe a xente de todas as idades. En poucos contextos máis que este non estraña ver a persoas xubiladas, de calquera sexo, disfrazadas con vestidos de Cincenta ou maquilladas das máis diversas temáticas. Algúns mesmo se atreveron a ir subidos nas carrozas con motivos dende os samurais ata os dragóns ou as abellas.


Tampouco faltaron as referencias máis políticas. Un dos grupos que máis comentarios deixaba ao seu paso foi o da “Banda do Peugeot”, unha parodia do grupo que acompañaba ao presidente do Goberno en 2017 cando Sánchez pretendía recuperar a dirección do PSOE e recorreu España co seu 407. Algúns aproveitaban para insultar sen tapuxos a uns Ábalos, Koldo e Santos Cerdán que repartían cartos e follas de leituga entre o público, e intentaban ligar con mulleres, mentres que algúns outros comentaban iso de “do PP non fan nada”. Nótase, aquí si, a falta de callo da tradición satírica tan aceptada en Carnavais coma os de Cádiz.


No tramo final do percorrido viviuse un dos momentos máis emocionantes a pesar de que xa caera o sol e o frío comezaba a facer mella na xente. Antes de encarar a recta final cara o Casa do Concello, o destino da comitiva, atopáronse os alumnos do Colexio Xulio Camba cos seus compañeiros e profesorado que participaron coa carroza da mascota da súa biblioteca: don Mexillón. Entre berros de ánimo e acenos coas mans, unha nai confesaba os nervios porque unha das súas fillas era participante nesta edición e a outra o será o ano que vén.


Unha vez chegados ao final, os participantes apertáronse cos familiares e amigos, e confesaban o seu cansanzo logo de máis de dúas horas sen parar de camiñar e bailar. Pero aínda quedaba o broche final: a incineración do Momo. Levada en procesión a carroza de Maduro ata o peirao do porto, tardou logo un cuarto de hora en arder por completo. Fíxoo acompañado en bucle da canción de moda: Un beso, do grupo Nueva Línea. Quedaban só uns minutos para as oito cando a xente comezou a desperdigarse para as súas casas e, sobre todo, para encher os bares que deberon facer o seu particular agosto en febreiro. Algún hostaleiro recoñecía que xa está desexando que chegue o ano que vén. Un dos organizadores pedía, mentres, vacacións e recoñecía: “Vendo como está sendo este 2026, o difícil vai ser escoller a quen queimar”. 

Comentarios


bottom of page