A festa pirata de Pontevedra convértese nun karaoke xigante co concerto de King África
- acolmeainterpretat

- 20 mar
- 3 min de lectura
Actualizado: 30 abr
Iria Dopazo Piñeiro
Pontevedra - 18 FEB 2026
A Praza de España de Pontevedra reuniu este martes 17 de febreiro a centos de persoas que non quixeron perderse o concerto de King África dentro da programación do Entroido pontevedrés. Entre choiva, paraugas e disfraces de pirata, o público acompañou ao artista arxentino cantando e bailando os seus temas máis populares.

Unha hora antes do inicio do concerto, sobre as 20.30h, a praza do concello xa estaba chea de xente agardando fronte ao escenario. A choiva caía de maneira constante e a maioría do público buscaba refuxio baixo paraugas e chuvasqueiros.
A pesar do mal tempo, o ambiente non decaeu en ningún momento. DJ Rey encargábase de animar a espera con música que facía mover á xente pouco a pouco. A medida que se aproximaba a hora, o público ía achegándose cada vez máis, creando unha sensación de expectación que se notaba en todo o recinto.
Para as 21.30h, o concerto comenzou. Foi sonar o primeiro “Boooomba” e a praza enteira comenzou a bailar. O público coreaba o nome de King África entre apalusos e berros mentres outras persoas sacaban os móbiles para gravar o momento.
O artista apareceu sobre o escenario coa súa irrecoñecible vestimenta, cun gorro de pirata, en sintonía coa temática da festa, e cunha actitude enérxica que enseguida contaxiou aos pontevedreses. A “Bomba” foi cantada por todos os presentes, que acompañaban cos saltos e coreografías improvisadas que se ían formando entre o público.
Despois desa primeira canción, King África tomou uns segundos para saudar aos asistentes e facer referencia á Festa Pirata do Entroido pontevedrés. A partir de aí, o artista continuou o concerto con outros temas coñecidos do seu repertorio, entre eles “El Camaleón” ou “El Cocodrilo”, que foron seguidos polos alí presentes entre aplausos e coros improvisados.
Un dos momentos máis celebrados chegou cando o cantante convidou a varios cativos a subir ao escenario para acompañalo a cantar e bailar “Paquito el Chocolatero.” Os máis pequenos compartiron escenario con el durante uns minutos provocando os aplausos e as risas dos asistentes.
Ao longo da actuación, o ambiente foi gañando intensidade. A xente saltaba, cantaba e movíase ao ritmo das cancións mentres seguía a caer unha choiva intermitente. Cara ao final do concerto, a intensidade da chuvia comezou a diminuír e moitas persoas decidiron baixar os paraugas, o que fixo que a praza quedase máis descuberta e que o entorno se volvese aínda máis festivo.
Cando parecía que a actuación chegaba ao seu final, dende o público comezou a escoitarse o berro de “Bomba, bomba, bomba”. Os asistentes repetían o nome da canción unha e outra vez ata que, finalmente, o tema volveu soar no escenario e toda a praza acompañou o estribillo ao unísono. A canción serviu como peche dun concerto no que o público non deixou de participar en ningún momento.

A actuación formaba parte da programación do Entroido de Pontevedra, unha das festas máis destacadas do calendario festivo da cidade. Dentro desta programación, a chamada Noite Pirata converteuse nos últimos anos nun dos eventos máis populares, cunha estética corsaria que enche as rúas de disfraces e actividades.
A choiva, que acompañara boa parte da noite, non conseguiu apagar o ambiente festivo dunha cidade que, durante algo máis dunha hora, se convertera nunha auténtica celebración colectiva ao ritmo das cancións de King África.
Co concerto xa rematado, a Praza de España seguía chea de xente e cun clima moi animado. Moitos asistentes marchaban tarareando aínda algún dos estribillos mentres se dispersaban polas rúas do centro de Pontevedra. A festa pirata continuaba así máis alá do escenario, prolongando a noite de Entroido pola cidade entre comparsas, pasacalles e charangas.



Comentarios