top of page

Santiago (É)Tapas: crónica dun padal satisfeito

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 13 mar
  • 5 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Catuxa Rodríguez Folgar

Santiago de Compostela - 22 FEB 2026

O concurso gastronómico anual xa alcanzou o seu ecuador e desfrutamos dunha das oito rutas que ofrecen antes do seu remate este domingo 8 de marzo.


O “tapasporte” diante, a Rúa do Franco detrás.
O “tapasporte” diante, a Rúa do Franco detrás.

Son as 21.00 en Santiago de Compostela e a capital galega déixanos desfrutar dunha desas noites, escasas pero agradables, nas que a temperatura invita a saír ás rúas. Á súa vez, estase celebrando a 17a edición do concurso gastronómico Santiago (É)Tapas dende o 19 de febreiro e até este domingo, 8 de marzo, e a xente compostelá (e non tan compostelá) non dubida en aproveitar a oportunidade.


O concurso, que conta con 8 rutas gastronómicas distintas que abarcan toda a cidade, fai que unha noite de martes pareza fin de semana: rúas repletas, barullo e risas incesantes, terrazas cheas e, sobre todo, moitas ganas de comer. A zona máis concorrida agora mesmo é a Zona Vella, pola que pasan 3 dos 8 camiños: o primitivo, o de inverno e o inglés. Xa pasan das 21.00 e os locais non tardarán moito máis en pechar, polo que a mellor opción é a primeira e a máis curta das rutas: O Camiño Primitivo.


A Fuego Lento, Rúa do Vilar 45.


Arrincamos a andaina dende a Rúa do Vilar, unha primeira parada que nos leva ao local “A Fuego Lento”. A brisa cálida que percorre hoxe as rúas fai que non haxa sitio na terraza, pero unhas mesas altas no centro do establecemento agardan por nós.


O primeiro que facemos é solicitar o “Tapasporte”, o pequeno libro que nos vai acompañar en todo o camiño e no que nos van validar cun selo todas as tapas que probemos. Unha vez nolo facilitan, consultamos nel os petiscos que ofrece o local e tamén o seu prezo, neste caso, unha tapa de “Cachelo recheo” (3,80€) e “Piña rustida” (4,00€). Pedimos as dúas e xa comezamos a salivar.


Agardamos polos pratos ao ritmo de The Doors con “L.A Woman”, baixo unha lámpada de araña que ilumina calidamente o lugar e cunha atmosfera moi familiar que invita á conversa. A espera, aínda que curta, fíxose pracenteira.


Escóitase o clásico “ding, ding, ding” e o que era un padal salivado comeza a encherse de expectativas. Chegan os dous pratos ao mesmo tempo e, aínda que a presentación fose distinta que nas ilustracións, tiñamos o foco xa posto no primeiro bocado.


Á esquerda, a tapa doce; á dereita, a salgada. Foto: Catuxa Rodríguez Folgar
Á esquerda, a tapa doce; á dereita, a salgada. Foto: Catuxa Rodríguez Folgar

A orde clásica lévanos a probar primeiro o prato salgado, un cachelo recheo de lacón, grelos e acompañado de salsa ali- oli. O primeiro anaco faise familiar, e o segundo e o terceiro xa nos confirman o xa intuído: os produtos locais que converxen na tapa transporta a calquera que o probe a un domingo de cocido na casa da avoa. Acábase máis rápido do que nos gustaría e botamos a culler ao postre, unha tapa de piña á prancha con azucre moreno e xeado de vainilla. A combinación de tres produtos tan doces fai que, o que polo nome semella ao protagonismo da piña, convértese nunha explosión de doce que case non deixa saborear a froita.


Ensinamos o tapasporte, selan ambas tapas e continuamos co camiño.


O Suso, Rúa do Vilar 65.


Andamos pouco máis dun minuto e xa estamos na seguinte etapa, “O Suso”, un local pequeno pero moi acolledor en Rúa do Vilar. Dánnos mesa ao instante a pesar de estar case cheos e o primeiro que fan é explicarnos as tapas que ofrecen: unbuñuelo de mermelada de chourizo, sobre biscoito de grelo, con grelo crocante e xema de ovo, ademais dun falso xeado con masa de ourella galega, espuma de pataca e queixo de San Simón e polbo a baixa temperatura.


Xuntáronse a fame e as ganas de comer e pedimos ambas tapas, sélannos o tapasporte e agardamos impacientes. No local contáxiase a ilusión desta experiencia gastronómica, o ambiente é moi cálido e vense familias, parexas, grupos de amigos e ata xente que ven soa, todos e todas cos seus tapasportes abertos e preparados.


Case sen darnos conta tráennos as dúas tapas, cunha presentación que sorprende de primeiras, a pesar de ser igual que nas fotografías. A cámara come primeiro e nós impacientes por ser as seguintes.


Buñuelo con mermelada de chourizo e biscoito de grelo .
Buñuelo con mermelada de chourizo e biscoito de grelo .

Probamos primeiro o buñuelo, prato que levan elaborando 70 anos neste local. Unha vez damos o primeiro bocado, entendemos que, efectivamente, este é un dos sabores de sempre. A combinación de matices leva ao padal a experimentar toda unha explosión de sabor. Mestúranse texturas que sorprenden con sabores que lembran á casa, o que lle está dando a esta tapa moitas papeletas para converterse nunha das favoritas.


Continuamos co falso xeado de polbo, unha combinación de tradición e vangarda que sorprende a calquera comensal. Se cadra, ao probar primeiro a intensidade do buñuelo, o xeado quedou algo máis insípido. Aínda así, estes son dous pratos que xuntos deixan moi bó sabor de boca.


Falso xeado de polbo.
Falso xeado de polbo.

O’ Flanagan’s. Rúa do vilar 70


Nada máis saír de “O Suso”, xusto en frente, encontrámonos con “O ́Flanagan ́s”, a nosa seguinte parada. Unha ruta moi guiada, doada e intuitiva permítenos continuar desfrutando desta experiencia con todas as facilidades.


Entramos pola porta e un camareiro acompáñanos á nosa mesa. Mesmo antes de sentarnos xa sabemos que o que imos atopar aquí vai ser ben distinto de até o de agora. Pasamos da calma de “A Fuego Lento” e da familiaridade de “O Suso” a unha atmosfera máis caótica e rockera.


Unha pantalla enriba de nós amosa as tres tapas que ofrece o local, das que pedimos dúas: “Notorius Pig”, un brioche de pulled pork estilo americano, con mermelada de bacon, millo crunchy e salsa de queixo, e “Steak Urkel”, un lingote de brioche con carne de vaca vella madurada, con salsa mayo siracha e encurtidos.


Agardamos, outra vez, ao ritmo de “High Way The Hell”, de ACDC. Neste concurso, a música e a gastronomía traballan da man para levar o desfrute do padal ao seu punto máis álxido. Unha vez chegan os pratos dubidamos no que vai ser mellor, se a presentación ou o seu sabor. Para confirmalo, probamos. Nese momento comprendemos que a música rock traballa en liña co rock gastronómico que estes pratos tocan na boca. Ambos combinan doce e salgado, antítesis que, xunto o punto perfecto de picante, sitúa estas tapas entre as máis votadas da categoría.


Notorius Pig, á dereita; Steak Urkel á esquerda.
Notorius Pig, á dereita; Steak Urkel á esquerda.

Pedimos o selo no tapasporte e saímos do local impacientes por chegar ao próximo destino. A ruta do camiño primitivo vai in crescendo dende o seu comezo, ao igual que as expectativas por descubrir as seguintes tapas. Non obstante, atopámonos cos dous establecementos seguintes pechados, “Redes” e “Vilar 64” , coa mala sorte de que o seu día de peche son os martes.


Decepcionadas e cun moi mal sabor de boca que, ironicamente, non ten nada que ver cos pratos probados, poñémoslle fin a esta ruta gastronómica. Marchamos cunha sensación agridoce que nos deixa con ganas de seguir probando, pero tamén

coa conformidade do xa probado. Uns pratos que demostran que o sabor a Galicia existe, e que vangarda e tradición son perfectamente compatibles.


Os tapasportes con todos os selos acumulados.
Os tapasportes con todos os selos acumulados.

Comentarios


bottom of page