top of page

Os fachucos de Oímbra despiden o Entroido

  • Foto del escritor: acolmeainterpretat
    acolmeainterpretat
  • 20 mar
  • 3 min de lectura

Actualizado: 30 abr

Cristina Martínez Lorenzo

Oímbra( Ourense) - 17 FEB 2026


Na aldea ourensá de Oímbra despediron o Entroido un ano máis co seu Martes de Fachucos, unha festividade que pasa desapercibida, eclipsada polo próximo triángulo máxico, pero que está chea de tradición e maxia. O esperado parón da choiva permitiu que se acenderan os fachucos, uns grandes fachóns de palla que arden para purificar e afastar malos espíritos. A deste ano foi a edición máis exitosa, con máis de 500 asistentes.


Os veciños de Oímbra preparados para a festa. Autor: Cristina Martínez.
Os veciños de Oímbra preparados para a festa. Autor: Cristina Martínez.

Cando chega o último día de Entroido hai algo que se acende no corpo, certa nostalxia, pero para os veciños de Oímbra este é o día máis especial. Os cigarróns fixeron soar as chocas pola rúa para deixar saber que empezaba a festa, e todos se reuniron no bar ás catro da tarde para comezar a procesión cara a praza da Igrexa, o lugar que garda a historia desta festividade, unha festa pagá en fronte da igrexa do pobo.


Os fachucos están feitos coa palla que os veciños recolleron durante o verán na festa da malla. O Domingo de Entroido reúnense tamén na praza e cada un fai o seu. Toda unha arte, e senón que llo pregunten a Chita, que fai as vencellas –as tiras de palla que atan os fachucos– coma ninguén. Os máis valentes atrévense cun fachuco de arredor de tres metros, pero hai fachucos de tódolos tamaños: é tradición que os bebés leven o seu fachuquiño xa dende o seu primeiro Entroido. Grandes ou pequenos, deixan un recendo a palla na aldea que só se pode asociar á chegada desta festa.


Facendo os fachucos na praza da Igrexa. Autor: Cristina Martínez.
Facendo os fachucos na praza da Igrexa. Autor: Cristina Martínez.

Antes de chegar á praza fíxose unha primeira parada nunha das adegas da zona vella da aldea para merendar. Isto é nada comparado co anterior día de Entroido deste pobo, o Luns de Adegas. Se cadra a festividade máis coñecida de Oímbra, que cada ano reúne a máis e máis xente para desfrutar dos petiscos e do viño artesanal de tódalas adegas da aldea nunha tarde de troula e diversión. 


Xa na praza, os oimbraos pasaron a tarde bailando coa Charanga NBA (Non Bebemos Auga) e comendo o menú que moi atentamente preparou a comisión: empanada, ovos cocidos, un porco de máis de 100 quilos e, sobre todo, moito viño, feito de xeito artesanal e comunitario polos veciños en setembro na Adega das Barrocas. 


Prendendo os fachucos.
Prendendo os fachucos.

Chegou o momento que todos estaban a esperar: os oimbraos prenderon lume no alto dos seus fachucos e comezaron a recorrer con eles a rúa Maior, bailando ao son da charanga e presididos pola figura do Entroido. Cando chegaron á praza do Cabildo, os fachucos comezaron a dar voltas arredor. Desafortunadamente, este ano as emblemáticas campás da capela non repicaron: esta está en pésimas condicións e prohibiron, por seguridade, que ninguén subira ao tellado.


Moitos dos visitantes preguntábanse se nunca pasara nada mentres os fachucos están acendidos, porque en realidade está é unha práctica perigosa –de aí tamén parte do seu atractivo–. Cómpre protexer a cabeza, as mans e os pés do lume e levar os ollos e o nariz cubertos para non respirar o fume que inevitablemente se concentra. Aínda que o certo é que Oímbra parece estar xa a proba de lume, sobre todo despois do terrible incendio forestal que sufriu o pasado agosto, que calcinou arredor de 5.000 hectáreas ao longo de toda a comarca.


A procesión rematou de volta na praza da Igrexa. Na última parte, a máis emotiva, os fachucos xiraron arredor da fogueira que se ía formando cos primeiros que ardían xa por completo. A ombros de Javi, quen herdou esta responsabilidade de seu pai, o Entroido bailou entre os fachucos ata que estes foron capaces de enganchalo entre todos e queimalo para que caese á fogueira. Fogos artificiais decoraron o ceo por riba da praza, no que tamén brillaban muxicas coma se fosen estrelas. Ao rematar, repartiuse o postre, bica de noces e pasteis de Belém.


A queima do Entroido.
A queima do Entroido.

Cando xa todo quedou reducido a cinsa, as bágoas saíron en moitos dos ollos dos oimbraos. E non só polo fume, senón tamén pola emoción vivida e o sentimento de pertenza que desperta unha festa tan súa. Agora só toca esperar ata o ano que vén, cunha pequena esperanza: os máis maiores están tranquilos porque teñen quen lles tome o relevo. Os rapaces e rapazas de Oímbra, aínda que non son nin o 10% da poboación, participan cada vez con máis entusiasmo nesta tradición, case garantindo que non se perderá no tempo.


Comentarios


bottom of page